10/11/17 - A redución de emisións e dous novos produtos alimentarios e biomédicos

A RAGC e GAIN conceden os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2017

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar proximamente en Santiago de Compostela.

    Transformación do sangue dos matadeiros en fariña de alta calidade

    O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela.

    O obxecto principal do proxecto é a posta en valor dun residuo gandeiro, o sangue procedente dos matadoiros, a través da súa transformación en fariña de alta calidade, cun amplo abano de usos que van desde a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas.

    A tecnoloxía que fai posible esta transformación foi patentada este ano e supón non só unha alternativa á retirada do sangue dos matadoiros, que supón elevados custos de xestión de residuos, senón a produción dun recurso de alto valor engadido, a fariña, que nos Estados Unidos se cotiza por enriba dos 1.100 dólares por tonelada.

    A transformación do sangue en fariña é unha actividade residual en España, con resultados de moi baixa calidade xa que o proceso habitual é aplicar temperaturas elevadísimas que deterioran a calidade das proteínas. A tecnoloxía galardoada caracterízase por ser capaz de producir a fariña tratando o sangue a baixa temperatura, o que non só preserva as súas propiedades orixinais senón que supón un custo enerxético reducido. A máquina que deseñaron para facelo posible xa espertou o interese de matadoiros de toda España.

    Lentes medicadas

    Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a HGBeyond Materials Science. Esta spin-off nacida na Universidade de Santiago de Compostela en 2015 baixo o nome Lentimed, desenvolveu, en colaboración co Grupo I+D Farma da USC, hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

    A tecnoloxía que soporta este achádego está patentada en Europa, Estados Unidos e Xapón, países nos que se concentra o 70% dos 125 millóns de usuarios de lentes de contacto no mundo.

    As aplicacións, que nun futuro se prevé ampliar, céntranse, en primeiro lugar, na produción de lentes de contacto brandas máis confortables a partir de hidroxeles, capaces de evitar a sequedade e a irritación que con frecuencia provocan o abandono deste tipo de correctores de visión por parte dos seus usuarios. O outro produto que a empresa ten previsto lanzar ao mercado internacional son as lentes de contacto con fármacos incorporados, deseñadas para liberar as substancias terapéuticas nas doses precisas ao longo de días ou semanas. Isto último supón unha alternativa ás formas clásicas de administración de medicamentos para doenzas oculares, coa garantía de que o fármaco non se perde no fluído lacrimal e o usuario non esquece administralo.

    Prototipos virtuais

    O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner, con sede en Vigo (Pontevedra). A colaboración co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle á empresa desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as fábricas que ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.

    O proxecto galardoado consiste nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica. Isto suporá unha vantaxe competitiva importante, dado que a normativa europea revisa continuamente á baixa os límites das emisións dos coches, polo que é determinante para o sector contar con solucións máis avanzadas e eficientes no menor prazo posible, coa garantía de que cumpren os requisitos establecidos.

    A nova ferramenta permite non só minimizar os ensaios físicos para cada novo desenvolvemento ou modificación –moi custosos e prolongados no tempo–, senón tamén mellorar a capacidade de resposta e a fiabilidade ao permitir explorar múltiples opcións durante as etapas de deseño. Grazas á solución desenvolvida a través do proxecto galardoado, todos os centros de BorgWarner poderán testar cada novo sistema anticontaminación ou cada modificación dun existente, de xeito rápido e económico, a través de prototipos virtuais xerados por ordenador.

    Fonte: RAGC

Pe de paxina