21/11/16 - O segundo premio correspondeulle ao espantallo 2.0

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

O controlador do abuso de auga no fogar gaņa o primeiro premio da feira Galiciencia 2016

  • [ Semana da Ciencia ]
  •  
  • Un dispositivo de control de abuso de auga no fogar desenvolvido por un estudante compostelán é o gañador absoluto da Galiciencia 2016. O proxecto de Manuel Porto, do colexio Compañía de María de Santiago, foi o mellor valorado polo xurado –formado por medio cento de persoas– entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado cun smartwatch e con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2017.

    Durante os tres días que durou a Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

    O segundo premio, dotado cun smartwatch e con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, correspondeulle ao espantallo 2.0 deseñado por Natalia Fariña, das Aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal (Ponteceso, A Coruña). En terceiro lugar quedou Isabel Sáinz, do IES Plurilíngüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, co seu sofisticado estudo do fluxo de muóns con respecto ao seu ángulo cenital de incidencia. A partir da construción dun detector de partículas, de funcionamento similar ao de dous contadores Geiger, a investigadora, que recibiu un smartwatch e unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica da Coruña, analizou o fluxo de raios cósmicos con respecto ao ángulo cenital dos detectores.

    De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. O sistema de análise da calidade do aceite usado mediante espectrofotometría desenvolvido por Miguel Rodríguez e Martín Ansia nas Aulas Tecnópole foi destacado por ter o método científico e o proceso de investigación mellor definidos. Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de  percepción somatosensorial mediante estimulación vibrotáctil en persoas xordas, de José María Blanco e David Zapatero, do Colexio Plurilingüe Montecastelo de Vigo. O estudo da biodiversidade do río Lagares e situación do seu ecotono foi merecedor do premio á mellor comunicación e presentación do stand. Aixa Fernández e Paula Figueroa, do CPR Plurilíngüe Alborada de Vigo, estudaron as sucesións planctónicas en dous puntos distintos do río Lagares para identificar os microrganismos e referencialos, ademais de situar a zona onde se produce o efecto ecotono (transición entre dous ou máis ecosistemas distintos). Para levar a cabo o seu proxecto contaron coa colaboración da ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla).

    No acto de clausura entregáronse tamén os premios do desafío “Atrévete coas matemáticas”, que celebrou a súa final durante a Galiciencia. As gañadoras foron Victoria Arias, Laura Cotos e Iria Ollero, do IES As Lagoas de Ourense, e Blanca Rodríguez, Raquel Caloto e Andrea Fieiras, do Colexio Maristas de Lugo.

    Fonte: Tecnópole

Pe de paxina