20/07/16 - Do grupo de investigación ZebraBioRes, do Departamento de Xenética da USC

A revista americana Zefrafish publica un artigo sobre o proxecto "Unha cebra na auga"

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O grupo de investigación ZebraBioRes, do Departamento de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela, vén de publicar o artigo de divulgación científica na revista americana Zebrafish ‘ A Zebra in the Water: Inspiring Science in Spain’, no que este grupo de investigación con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, dá conta dos resultados do proxecto ‘Unha cebra na auga’.
     
    O artigo publicado en Zebrafish polos investigadores de ZebraBioRes xorde precisamente dos resultados obtidos nas tres edicións do proxecto xa celebradas de ‘Unha cebra na auga’, un programa liderado pola catedrática da USC Laura Elena Sánchez Piñón e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) no marco da súa convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Modalidade 2.1. Fomento da creatividade e as vocacións científicas.
     
    O peixe cebra (Danio rerio) converteuse nun organismo modelo para experimentación en diversas áreas como a biomedicina, a acuicultura e a alimentación e, xunto cos ratos, son os organismos modelo por excelencia dentro dos vertebrados. É unha especie de fácil manexo, descendencias numerosas e tempo xeracional curto. A súa xenética é ben coñecida e están dispoñibles numerosos mutantes e abundantes datos xenómicos (recentemente completouse a secuenciación do seu xenoma) que revelan un alto grao de similitude xenética con humanos, segundo explican os promotores deste proxecto.
     
    A posibilidade de utilizar na aula unha especie animal que permita pór en práctica de maneira sinxela o método científico, e coñecer ao mesmo tempo novas tecnoloxías biolóxicas para a experimentación, constitúe un achegamento ao mundo da investigación coa finalidade de incentivar as vocacións científicas nos estudantes de Educación Secundaria. Para logralo, os promotores de ‘Unha cebra na auga’ entregaron un acuario a un total de 114 centros educativos para que puidesen coidar adultos de peixe cebra, aparealos e visualizar o desenvolvemento do embrión. Para a capacitación en técnicas máis sofisticadas, desenvolveuse unha ferramenta virtual que simulaba un verdadeiro laboratorio de xenética nun computador persoal.
     
    Os resultados obtidos no marco deste proxecto indican que os estudantes estiveron moi implicados en todas as actividades programadas e que lograron unha mellor comprensión dos conceptos e técnicas xenéticas. Estes resultados demostran o potencial de diversos métodos de ensino para involucrar aos alumnos na aprendizaxe científica e o interese que espertou na comunidade educativa internacional.

    A revista Zefrafish publicou nos anos 2009, 2012 e 2016 un número especial dedicado ao uso do peixe cebra como medio para fomentar a educación científica. Asemade, neste último número publícanse por vez primeira resultados de dous grupos europeos.

    Fonte: Xornal da USC

Pe de paxina