11/07/16 - Foi pioneira no uso do galego no ensino das ciencias

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

A Real Academia Galega nomea académica numeraria a Marilar Aleixandre

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • No Pleno do pasado sábado, 9 de xullo, a Real Academia Galega elexiu académica de número a María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947) para ocupar a vacante producida polo pasamento, o pasado 27 de novembro, de Xosé Neira Vilas. Coñecida como Marilar Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.

    Como escritora, a obra de Marilar Aleixandre está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais numerosos premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.

    Como bióloga e experta en educación, foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

    Fonte: RAG

Pe de paxina