05/07/16 - Unha reportaxe sobre domótica e autismo gaña esta terceira edición

Fallan os premios do III concurso Contar a Ciencia de GCiencia e La Caixa

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A reportaxe de Ariadna Cordal, alumna da Universidade de Vigo, sobre un proxecto de estudantes de Telecomunicacións da UVIGO para desenvolver un sistema de domótica que facilite a vida das persoas con autismo resultou gañadora da terceira edición do Premio Universitario de Comunicación Científica Contar a Ciencia, convocado conxuntamente por la Caixa e GCiencia, cola colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A reportaxe pode lerse na seguinte ligazón: Autismo 3.0: a domótica ó servizo das persoas dependentes.

    Segundo informa a organización, o xurado valorou a elevada calidade do traballo realizado por Cordal, que realizou unha reportaxe escrita apoiada con entrevistas audiovisuais, así como o indubidable interese que esperta a temática elixida. Como gañadora do certame, Cordal recibirá 700 euros en metálico, un smartphone Z2 da marca galega Primux e un diploma acreditativo.

    O segundo premio foi para a alumna da Universidade de Santiago Sara Pérez Seijo, que realizou unha reportaxe escrita sobre as investigacións do Grupo de Neurociencias Clínicas e Investigacións Sanitarias (IDIS) para aplicar a nanotecnoloxía na detección precoz do alzhéimer. A calidade do traballo e a importancia das investigacións analizadas na reportaxe foron as razóns polas que o xurado concedeu unha distinción á reportaxe. A autora recibirá unha tablet Siroco X da marca galega Primux e un diploma acreditativo.

    Este premio, no que participaron decenas de estudantes, pretende poñer en valor o xornalismo científico entre os futuros profesionais da comunicación e dar a coñecer a investigación científica universitaria que se fai en Galicia.

    Fonte: GCiencia

Pe de paxina