01/07/16 - É catedrático de Enxeñaría Telemática na UVIGO

O profesor José Juan Pazos Arias ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O pasado mércores, 29 de xuño, o profesor José Juan Pazos Arias deu lectura ao seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias, titulado " Crecemento exponencial da información. Do big data ao small data", discurso que foi contestado polo académico Prof. Dr. D. Fernando Pérez González. Durante a sesión solemne, celebrada no Pazo de San Roque ás 19 horas, o novo académico recibiu os distintivos da súa nova condición, o Diploma, de mans do Reitor da UVIGO, e a Medalla, que lle foi imposta polo Presidente da RAGC. Ao acto asistiron, entre outras autoridades, os Reitores das Universidades de Santiago e Vigo, o Vicepresidente do Consello da Cultura Galega e o Delegado do CSIC en Galicia. A sesión foi clausurada polo Presidente da Academia, Prof. Miguel Ángel Ríos, quen resaltou a importancia que ten a plena implantación das TIC para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

    José Juan Pazos Arias é enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid desde 1987, onde tamén se doutorou en 1995 no Departamento de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos. Desde 2009 ocupa unha praza de Catedrático no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Pazos é director e fundador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI), que contou co recoñecemento de grupo de referencia competitivo da Xunta de Galicia entre 2007 e 2013. Participou en numerosos proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional sobre o desenvolvemento de novos servizos e aplicacións relacionados coa sociedade da información.

    Autor de máis de 200 artigos en revistas, capítulos de libros e congresos de relevancia de ámbito internacional, leva dirixidas oito teses doutorais e de máis de trinta proxectos de fin de carreira. Foi director do Departamento de Enxeñaría Telemática desde a súa fundación en 2001 até xullo de 2004. Desde 2015 é colaborador da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva na área de transferencia de tecnoloxía.

    Nos últimos anos, a súa actividade de investigación orientouse cara ao desenvolvemento de tecnoloxías transversais, de aplicación en calquera ámbito e tamén para calquera formato no que se atope a información. Neste ámbito, conseguiu resultados relevantes nas áreas de personalización, adaptación e recomendación de contidos, baseados en tecnoloxías semánticas. Os sistemas recomendadores que el e o seu equipo desenvolveron van desde o máis coñecido da televisión até o máis recente para titores de educación especial que xera automaticamente plans terapéuticos, pasando por un titor intelixente para plataformas de teleensino, a publicidade personalizada e os contidos e destinos turísticos.

    Fonte: RAGC

Pe de paxina