22/06/16 - Concedido pola Sociedad Española de Métodos Numéricos en Ingeniería (SEMNI)

O profesor da UDC Manuel Casteleiro recibe un premio pola súa traxectoria de investigación

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A Sociedad Española de Métodos Numéricos en Ingeniería (SEMNI) acaba de conceder o Premio SEMNI á Traxectoria de Investigación en Métodos Numéricos en Enxeñaría e as súas Aplicacións ao profesor Manuel Casteleiro, da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.
    Trátase da maior distinción que concede a Sociedade e outórgase cada dous anos ao investigador cunha traxectoria profesional de especial relevancia no ámbito dos Métodos Numéricos en Enxeñaría e as súas Aplicacións e cuxa influencia fose determinante no desenvolvemento dos Métodos Numéricos a nivel mundial e particularmente en países de fala hispana. A entrega do premio terá lugar durante o congreso nacional da Sociedade que terá lugar en 2017.
    O profesor Manuel Casteleiro é Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidad Politécnica de Madrid; Master of Sciences pola Universidade de Wisconsin-Milwaukee e Doctor of Philosophy por Northwestern University. Tras o seu regreso de Estados Unidos en 1974, o profesor Casteleiro impartiu docencia durante 18 anos na Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universitat Politècnica de Catalunya, trasladándose á Universidade da Coruña en outubro de 1992. Actualmente é Catedrático de Universidade da área de Matemática Aplicada.
    A especialidade científica do profesor Casteleiro son os Métodos Numéricos e máis especificamente, a súa aplicación á resolución de problemas de gran magnitude en Enxeñaría. Tamén investigou, no mesmo contexto, en aplicacións estatísticas e teoría do risco. Dirixiu numerosos proxectos de investigación e desenvolvemento, financiados tanto co fondos públicos como privados.
    É autor de numerosas publicacións científicas e técnicas no campo dos métodos numéricos en enxeñaría, fundador e membro da Comisión Executiva do “Centro Internacional de Métodos Numéricos en Ingeniería”, fundador e membro da Comisión Executiva da “Sociedad Española de Métodos Numéricos en Ingeniería”, membro da Comisión Executiva da “International Association of Computational Mechanics” e membro das principais asociacións internacionais na área dos Métodos Numéricos e da Mecánica Computacional.

    Fonte: UDC

Pe de paxina