26/05/16 - É un referente mundial na área de biotecnoloxía ambiental

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

O enxeñeiro químico Lema Rodicio ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • Na tarde de onte, o profesor Juan Manuel Lema Rodicio deu lectura ao seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias, titulado "Do Antropocentrismo ao Ecocentrismo, ou da Enxeñaría sanitaria á Enxeñaría ambiental", discurso que foi contestado polo académico Franco Fernández González. Durante a sesión solemne, celebrada no Pazo de San Roque ás 19 horas, o novo académico recibiu os distintivos da súa nova condición, o Diploma, de mans do Reitor da USC, e a Medalla, que lle foi imposta polo Presidente da RAGC. Ao acto, que estivo moi concorrido, asistiron, entre outras autoridades, o Secretario Xeral de Universidades, os Reitores das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, o Vicepresidente do Consello da Cultura Galega e o Concelleiro de Educación e Cultura do concello de Santiago. A sesión foi clausurada polo Presidente da Academia, Prof. Miguel Ángel Ríos, quen resaltou a dimensión ética dos avances científico técnicos e fixo un chamamento en prol do bo uso do coñecemento.
    Juan Manuel Lema Rodicio licenciouse en Ciencias Químicas en 1971 na USC, onde tamén obtivo o seu grao de doutor en Ciencias en 1975. Logo dunha primeira etapa como docente na Universidade Autónoma de Barcelona, conseguiu a cátedra de Enxeñería Química na USC, na que desde entón exerce como profesor e investigador. Nesta última faceta, é o promotor e coordinador do grupo Enxeñería Ambiental e Bioprocesos.
    No ámbito científico, foi pioneiro e é referencia mundial na área da biotecnoloxía ambiental, principalmente na degradación anaerobia de contaminantes. O seu traballo aválano as 50 teses doutorais dirixidas, os numerosos proxectos de investigación nos que participa e lidera (unha ducia deles en cooperación con Italia, Portugal, Alemania, Israel, Chile e India), 11 patentes españolas e dúas europeas e máis de 300 artigos publicados en revistas de alto impacto científico.
    Lema exerce como coordinador de varias redes de investigación: a Acción Water 2020, na que participan 165 investigadores de 32 países; a Red Novedar, formada por 10 grupos de investigación españois; e a Rede Galega para Tratamento de Augas, con 11 grupos das tres universidades galegas. En 2015, foi nomeado doutor honoris causa pola Pontificia Universidad Católica de Valparaíso (Chile).
    Na actualidade, os seus temas principais de investigación son o modelado e o control de dixestión anaerobia de augas residuais e residuos; a eliminación de microcontaminantes en augas residuais en plantas de tratamento; o tratamento terciario de microcontaminantes mediante reactores enzimáticos e a produción de bioplásticos a partir de residuos lignocelulósicos.
    Na área de xestión académica desempeñou un papel destacado na concepción e concreción da carreira de Enxeñaría Química en España e foi promotor e primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñería Química. Profesor do Departamento de Enxeñería Química, que tamén dirixiu, exerceu os cargos de director do Centro de Transferencia Tecnolóxica e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).

    Fonte: Real Academia Galega de Ciencias

Pe de paxina