08/03/16 - Presentaráse esta tarde na Fundación COTEC en Madrid

Ibercivis presenta o Observatorio da Ciencia Cidadá en España

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A Fundación Ibercivis vén de pór en marcha o Observatorio da Ciencia Cidadá en España, que se presenta hoxe, 8 de marzo, na sede da Fundación COTEC en Madrid.

    O reitor da Universidade de Zaragoza, Manuel López, e o director da Fundación COTEC, Jorge Barrero, xunto a outras figuras do ámbito político e universitario, serán os encargados de abrir a xornada, na que tamén participarán diversos actores da ciencia cidadá.

    Ao longo deste ano, Ibercivis traballará na elaboración do primeiro estudo español para coñecer o impacto da ciencia cidadá na cultura científica. Con este obxectivo o Observatorio da Ciencia Cidadá identificará aos actores que traballan neste ámbito (grupos de investigación, programas de financiamento, iniciativas cidadás, espazos físicos, ONG, etc.), analizará a súa incidencia na ciencia e a sociedade e promoverá as mellores prácticas. Ademais, sentará as bases para un seguimento continuado da ciencia cidadá en España.

    No marco desta iniciativa, cofinanciada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO), o Observatorio elaborará un repositorio web cos proxectos e grupos españois implicados na ciencia cidadá. Con esta ferramenta, os visitantes terán acceso a todos os experimentos de ciencia cidadá a través dun mapa que irá evolucionando co tempo e no que poderán buscar as temáticas desexadas.

    A presentación do Observatorio dará comezo ás 16 horas na sede da Fundación COTEC (rúa de Velázquez, 24, 2º dereita). Durante o acto Jesús Clemente, director de Ibercivis, explicará as liñas xerais do proxecto e celebrarase unha mesa redonda con participantes en experiencias de ciencia cidadá. Finalmente, exporase un debate aberto con investigadores, políticos, docentes, xornalistas, cidadáns e hackers, moderado por Fermín Serrano, responsable do Observatorio.

    Máis información en: http://www.ibercivis.es/presentacion-do-proxecto-observatorio-de-a-ciencia-cidadá/

    Fonte: CSIC

Pe de paxina