24/02/16 - Vencellado á Facultade de Veterinaria e á Fundación Rof Codina

Nace o Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria da USC

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O pasado venres presentouse en Lugo o novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet). A posta en marcha deste centro de investigación e experimentación ao abeiro da Fundación Rof Codina encádrase dentro da estratexia de especialización do campus de Lugo da USC, segundo lembrou o reitor da USC, Juan Viaño. O Cebiovet é un novo reto, do mesmo xeito que o Campus Terra supón un proxecto que está chamado a facer deste campus da USC unha referencia nacional e internacional nos eidos veterinario, agrario e das industrias agroalimentarias.

    O salto de calidade que reporta a apertura deste centro de referencia en biomedicina veterinaria, un centro único en España e adaptado aos estándares de calidade europeos, así como as novas posibilidades de I+D+i que ofrece para a sede universitaria luguesa foron dúas das ideas máis repetidas no acto inaugural do Cebiovet, un centro que tamén constitúe unha nova vía de colaboración para as farmacéuticas e que conta cos equipamentos científicos necesarios para a testaxe e desenvolvemento de novos medicamentos, segundo dixo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. 

    Feijóo referiuse ao Cebiovet como un centro de referencia en biomedicina veterinaria con capacidade para actuar como complemento do Sistema Universitario Galego en moi diferentes actividades e proxectos de I+D+i. O presidente da Xunta de Galicia tamén fixo fincapé na importante inversión realizada pola Administración autonómica neste centro, unha contía económica que cifrou en máis de catro millóns de euros e que supón a “maior inversión da Xunta de Galicia no campus de Lugo na última década”.
     
    Feijó destacou asemade que esta importante inversión permitirá mellorar o grao de eficiencia dos distintos sectores produtivos de Galicia. O Cebiovet abre novas portas para captar proxectos de I+D nacionais e internacionais, e polo tanto depara novas vías de facturación e de xeración de valor engadido, indicou Feijóo, quen, non reparou en eloxios para a xestión que está a realizar a Fundación Rof Codina, “que cubre máis da metade do seu orzamento coa facturación por prestación de servizos e traballos”.
     
    Na mesma liña apuntada por Feijóo, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, fixeron fincapé nas novas oportunidades que supón o Cebiovet para a cidade e a provincia de Lugo, ademais para o seu campus. A relevancia da posta en marcha deste centro de referencia en biomedicina veterinaria afecta sobre todo ao ámbito docente e científico, pero tamén ten repercusións de carácter económico, xa que este centro pode facer de Lugo un polo de atracción de novas industrias, indicou a alcaldesa Lara Méndez.

    Fonte e máis información: Xornal da USC

Pe de paxina