08/01/16 - Concedido pola Real Academia Galega de Ciencias

Un estudo sobre a toxicidade dos nanomateriais, premiado co Premio de Investigación 2015

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • Un estudo científico que analiza en profundidade a posible toxicidade a nivel celular e molecular de nanopartículas utilizadas en biomedicina resultou gañador do Premio de Investigación 2015 da Real Academia Galega de Ciencias. O equipo galardoado está composto polos doutores Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, do Grupo de Investigación en Diagnóstico conductual e molecular aplicado á saúde, DICOMOSA, da área de Psicobioloxía da Universidade da Coruña.
    O traballo trata un campo científico emerxente nos últimos anos como é a nanotecnoloxía. Os nanomateriais (materiais a escala nanométrica, a millonésima parte dun milímetro) posúen unhas propiedades especiais que os fan adecuados para unha gran variedade de utilidades, entre elas diversas aplicacións biomédicas. Non obstante, a potencial toxicidade destes materiais, presentes xa no mercado en múltiples produtos utilizados na vida diaria como cosméticos, roupa ou pinturas, aínda non se coñece en profundidade. O estudo premiado analizou a interacción de neuronas humanas con nanopartículas de óxido de ferro recubertas con sílice, que teñen aplicacións en resonancia magnética, destrución dirixida de tecidos tumorais e liberación controlada de medicamentos. Os resultados obtidos permiten descartar a toxicidade destas nanopartículas, xa que unicamente se obtiveron resultados positivos ás concentracións máis altas ou tempos de exposición máis prolongados que foron testados.
    Este non é o primeiro premio que recibe este grupo de investigación de recoñecido impacto nacional e internacional. Desde o ano 2002 conseguiron outros cinco premios relacionados con temáticas tan diversas como os polimorfismos xenéticos, os riscos en persoal de enfermaría, os oligoelementos da dieta ou a fraxilidade en persoas maiores. Ademais, unha das investigadoras do equipo, a doutora Vanessa Valdiglesias foi recentemente nomeada a mellor investigadora nova de 2015 pola Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental e a doutora Blanca Laffon é reclamada con frecuencia en Estados Unidos para intervir en congresos e foros de debate sobre os efectos dos verquidos de petróleo para a saúde humana, dada a súa experiencia polo traballo realizado trala catástrofe do Prestige.

    Fonte: UDC

Pe de paxina