24/07/15 - Releva no cargo a Carmen González Sotelo

Antonio Figueras é o novo director do Instituto de Investigacións Mariñas

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) nomeou a Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación do CSIC e membro do grupo Inmunoloxía e Xenómica, director do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo).

    Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957) é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1979) e doutor en Bioloxía pola citada universidade (1984). Científico do CSIC desde 1987, na actualidade é profesor de investigación. Desenvolve o seu labor no grupo de investigación Inmunoloxía e Xenómica do IIM e dirixe tamén o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos. É autor de máis de 200 artigos científicos en revistas de impacto, 34 libros e capítulos de libros e dirixiu 20 teses doutorais. Foi o coordinador do proxecto Consolider Aquagenomics, financiado con seis millóns de euros e no que participaron 18 grupos de investigación. Na actualidade é o investigador principal, entre outros proxectos, de "Mellora da produción en acuicultura mediante ferramentas de biotecnoloxía" e "Secuenciación do xenoma do mexilón galego". No campo da cultura científica, é autor do blog "Ciencia Mariña e outros asuntos", premio de comunicación científica blogs o mi+d. En canto á súa experiencia no campo da xestión, foi director do IIM (2001-2005) e vicepresidente de Investigación Científica e Técnica (VICYT) do CSIC (2012-2014).

    Fonte: Delegación en Galicia do CSIC

Pe de paxina