18/06/15 - Tamén se entregaron Empresa Xove, Muller Emprendedora e Promoción do Galego

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

A USC entrega os premios do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A spin-off do grupo de Robótica da USC Situm Technologies foi a proposta premiada na modalidade de Base Tecnolóxica da décimo quinta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. A proposta premiada desenvolve e comercializa unha novidosa e innovadora tecnoloxía de localización de smartphones en interiores de grandes edificios onde a tecnoloxía GPS non funciona.

    O premio Muller Emprendedora recaeu en Adica, Networking Psicoeducativo e Psicoxerontolóxico, spin-off do grupo Aspectos evolutivos e intervención psicoeducativa da USC. O seu obxectivo é trasladar á sociedade mediante a prestación de servizos profesionais, os coñecementos adquiridos en canto a técnicas de detección e tratamento de problemas de aprendizaxe como poden ser a dislexia, disortografía ou déficit de atención. Ofrece tanto servizos dirixidos a alumnado, familiares ou centros de ensino como obradoiros e cursos enfocados principalmente a persoal docente e familias, así como servizos dirixidos á poboación adulta e terceira idade.

    Qubiotech, Health Intelligence foi o seleccionado na modalidade Premio Empresa Xove, e xurde no seo do grupo de investigación asociado ao Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico Universitario de Santiago como unha empresa dedicada ao desenvolvemento de novas ferramentas tecno-informáticas de análise de imaxe e xestión da información asociada para mellorar a diagnose, o tratamento e o seguimento médico. O seu primeiro produto, denominado IQ-BRAIN, é un software de imaxe multimodal que permite unha análise cuantitativa e estatística da información obtida integrando os resultados de PET cerebral e os MRI (información anatómica do tecido tumoral).

    Completando os catro premios outorgados nesta convocatoria, na modalidade Promoción da Lingua Galega resultou gañador Nostracker, proxecto empresarial aínda non constituído que se dedicará ao desenvolvemento de ferramentas que monitorizan redes sociais, blogs e medios de comunicación para medir e avaliar o contido que publican usuarios/as sobre empresas. O seu obxectivo é analizar a reputación e o sentimento en liña rastreando diversos focos de información. Os comentarios atopados clasifícanse en positivos, negativos ou neutros e mídese o sentimento do público cara o elemento analizado. O galego será a lingua principal na comunicación corporativa e nas campañas de publicidade de Nostracker, unha iniciativa que promoven Iván Dobarro e Cruz Negreira.

     

Pe de paxina