07/05/15 - É catedrático emérito da Universidade de Vigo e ex-director xeral de I+D+i

O enxeñeiro Pedro Merino ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O catedrático de Ciencia e Enxeñaría de Materiais da Universidade de Vigo, Pedro Merino, ingresou onte na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), na sección de Ciencias Técnicas. Nun acto celebrado no Pazo de San Roque, en Santiago, ao que asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a vicerreitora de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, María Isabel Rodríguez, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros.

    Pedro Merino Gómez (1943) é na actualidade profesor emérito da Universidade de Vigo. Enxeñeiro industrial dende 1971 traballou en diversas empresas do sector metalúrxico e en 1987 converteuse en profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo. Centrou a súa carreira investigadora na corrosión dos metais. É un dos membros fundadores e codirector do grupo de investigación ENCOMAT (Enxeñería da Corrosión e Materiais), foi director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, vicerreitor de Desenvolvemento e Transferencia de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade de Vigo, vicerreitor de Relacións Institucionais da mesma universidade e director xeral de I+D da Xunta de Galicia.

    A incorporación de Merino forma parte da rolda de ingresos que ten previstos a institución ao longo deste ano, no que entrarán seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento.

    Fonte: GCiencia

Pe de paxina