26/02/15 - Nun seminario científico do proxecto do IBI de Vigo

Os investigadores de Biocaps presentan os resultados das súas investigacións

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O Instituto de Investigación Biomédica (IBI) de Vigo celebrou estes días o X Seminario científico do proxecto BIOCAPS de Apoio ás Capacidades Biomédicas. No marco deste seminario, os sete investigadores sénior que contratou o IBI con cargo a este proxecto europeo presentaron os avances nas súas investigacións. Roberto Carlos Agís-Balboa explicou os seus avances no campo da epixenética, que estuda os desequilibrios na interacción xenoma-ambiente capaces de desencadear enfermidades como o Alzheimer, a esquizofrenia ou a depresión co obxectivo de atopar novas ferramentas para o seu diagnóstico, prognóstico e tratamento. A fibrose peritoneal causada pola diálese está a centrar unha parte moi importante da investigación desenvolvida polo inmunólogo Luiz Stark. O investigador participa tamén no proxecto recentemente concedido pola UE ao seu grupo para desenvolver unha vacina por vía mucosa para a tuberculose. No ámbito da medicina rexenerativa, Miriam López explicou que nestes dous anos se centrou na avaliación da resposta celular a distintos biomateriais avanzados desenvolvidos no seu grupo, con potencial aplicación na substitución ou rexeneración de óso. Eva Vigo expuxo os seus principais avances no uso de modelos animais en investigación biomédica, concretamente no estudo de factores implicados na diabetes. Susana Álvarez, experta en desenvolvemento de fármacos, desagregou a súa actividade na procura e preparación de novas moléculas que poidan ser de utilidade no tratamento e estudo de enfermidades, concretamente en procesos canceríxenos. O físico César Veiga desagregou as técnicas de intelixencia artificial e visión por computador que estivo desenvolvendo para a análise automática de imaxe intravascular e ecocardiográfica. Por último, a investigación do biólogo Roman A. Kireev está relacionada co estreitamento anormal da válvula aórtica (estenose aórtica).

    Fonte e máis información: DUVI

Pe de paxina