27/11/14 - De introdución á investigación científica 2014

Un universitario galego gaña o segundo premio do certame Arquímedes

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O alumno da Universidade de Santiago Jorge Losada Rodríguez fíxose co segundo premio do Certame Arquímedes de Introdución á Investigación Científica 2014 que convoca o Ministerio de Educación co obxecto de fomentar o espírito investigador do alumnado universitario.
     
    Nesta décimo terceira edición presentáronse cerca de 300 traballos, dos que 25 pasaron á final celebrada o 13 de novembro na Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid. O traballo de Jorge Losada, que levaba por título ‘Funcións periódicas e cálculo fraccionario’ e titorizou o profesor Juan José Nieto Roig, obtivo o segundo premio na área de Ciencias Experimentais, grazas ao cal gozará dunha estadía nun centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
     
    Jorge Losada, de 23 anos de idade e natural de Cenlle (Ourense), está elaborando a súa tese de doutoramento na USC no programa en Matemáticas do profesor Gómez Tato. Anteriormente cursou o Máster en Matemáticas que coordina o investigador Ramón y Cajal José Carlos Díaz Ramos.
     
    Os premios Arquímedes contan co apoio organizativo dunha universidade anfitrioa do certame e sede da fase final –nesta ocasión a Autónoma de Madrid– e coa colaboración do CSIC, así como de institucións públicas e privadas relacionadas coa investigación.

Pe de paxina