03/11/14 - A catro equipos de emprendedores

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

A Real Academia Galega de Ciencias entrega os Premios ás Ideas Empresariais Innovadoras

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Xunta, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), entregaron o pasado 30 de outubro os premios do I Concurso de Ideas Innovadoras Empresariais. Os gañadores foron catro equipos de emprendedores que presentaron proxectos relacionados coa saúde e coa economía sostible. Os galardóns foron entregados durante a clausura do ciclo “O emprendemento científico, unha oportunidade necesaria”, que se desenvolveu ao longo deste mes de outubro.

    Os premios foron entregados na sede da CEG, en Santiago de Compostela, pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; o Director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica, Norberto Penedo; o Secretario Xeral da CEG, Fausto Santamarina e o Presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos.

    O primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para o proxecto “Qualdimus”, coordinado por Maruxa Álvarez, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, e no que participaron tamén Andrea Labandeira e Tania Ballesteros. A idea consiste nun servizo de asesoramento preventivo dirixido a empresas de piscicultura para levar a cabo a súa actividade de maneira sostible. Este servizo inclúe labores de avaliación e diagnóstico do estado dos peixes mediante técnicas non invasivas, propostas de dietas axeitadas para reducir o risco de infeccións, seguimento do estado dos peixes e software de xestión da explotación acuícola.

    O segundo premio, dotado con 900 euros, concedéuselle a Manuel Gómez, do Departamento de Química Física da USC, no CIQUS, que propón novos sustratos capaces de incrementar de xeito importante a potencia de técnicas analíticas utilizadas para detectar colorantes e outras sustancias de interese. As solucións existentes na actualidade son escasas e de custo moi elevado, mentres que estes sustratos ofrecen unha alternativa de igual ou superior calidade a prezo máis reducido.

    O terceiro premio, dotado con 600 euros, outorgóuselle a Eduardo Bordallo e Massimo Lazzari, tamén do Departamento de Química Física da USC, no CIQUS, polo desenvolvemento dun novo material a partir de produtos naturais como a celulosa que, mediante estruturas nanométricas, presenta aplicacións para o transporte de fármacos bioactivos liposolubles ao organismo.

    Finalmente, o Premio ao Emprendemento Feminino, dotado con 600 €, correspondéulle a un sistema de atención psicolóxica en grupo a través de multiconferencia telefónica. A idea foi presentada por Ángela Torres, da USC, profesora titular de Psiquiatría na USC, e o seu equipo, formado por Patricia Otero, Elisabet Hermida, Vanessa Blanco e Fernando Vázquez. A idea consiste en achegar os servizos de atención psicolóxica á poboación que ten dificultades para acudir aos centros médicos, como ocorre cos habitantes de núcleos dispersos no rural.

    O xurado dos premios estivo formado por representantes da RAGC, do IGAPE, da Secretaría Xeral da Igualdade e da CEG, que valoraron as propostas presentadas, baseadas na transferencia de coñecemento científico ao mercado.

    Fonte: RAGC

Pe de paxina