06/10/14 - No European Youth KiiCS Award

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

Alumnas das Aulas Tecnópole gañan o segundo premio dun certame europeo

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • Alba Fernández e Uxía García, alumnas das Aulas Tecnópole, gañaron o segundo premio do certame internacional European Youth KiiCS Award co seu respaldo intelixente para cadeiras. No concurso, que celebrou a súa final en Ámsterdam, competían con outros 14 proxectos defendidos por estudantes de diferentes países da Unión Europea.

    O invento destas dúas alumnas de Bacharelato materializouse xa nun prototipo que vén sendo perfeccionado desde hai máis dun ano, cando se fixo cun dos premios da Galiciencia 2013.  O respaldo conta cun sensor que, ante unha postura inadecuada das costas, envía un sinal para que se acendan os pilotos luminosos de alerta. As inventoras traballan agora no seguinte paso, que é incorporar unha alerta de son. Dado que o seu proxecto se orienta sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o son se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.

    O proxecto orixinouse e está a ser desenvolvido nas Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e financiado pola Consellería de Economía e Industria, que comezou esta semana o seu quinto curso.

    KiiCS é un proxecto financiado pola Unión Europea para tender pontes entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía e está liderado pola Rede Europea de Centros e Museos Científicos (ECSITE). Entre as súas iniciativas para fomentar a cultura da innovación figura un premio xuvenil no que se seleccionan as mellores ideas innovadoras entre as preseleccionadas procedentes de todos os países da UE.

    A cerimonia de entrega de premios tivo lugar durante o PICNIC Festival de Amsterdam, un evento que reúne a máis de 5.000 persoas (estudantes, emprendedores, deseñadores, etc.) interesadas en compartir coñecemento e novas solucións innovadoras a partir da co-creación.
     
    Fonte: Tecnópole

Pe de paxina