25/09/14 - Dirixido a estudantes de FP de toda España

FECYT resolve o concurso "A cadea da innovación"

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) deu a coñecer os gañadores da segunda edición do concurso "A Cadea da Innovación", dirixido a estudantes de Formación Profesional (FP) de toda España e que este ano se enfocou en produtos e servizos dirixidos ao turismo.

    O primeiro premio na categoría de grao medio de FP recaeu no proxecto "Revive Numancia" do CIFP A Mercé de Soria sobre turismo épico que rememora o asedio dos romanos á cidade de Numancia. O primeiro galardón para estudantes de grao superior de FP foi para o proxecto "Submarinos por encargo" do IES Inventor Cosme García de Logroño, que busca fomentar o turismo científico dando a coñecer a historia do primeiro submarino e  a figura de Cosme García Sáez.

    O obxectivo desta actividade foi ensinar a desenvolver e xestionar proxectos innovadores. Este certame desenvolveuse en colaboración co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Turespaña e co Centro Tecnolóxico do Moble e a Madeira (CETEM).

    O proxecto da Cadea de Innovación trata de achegar a innovación a estudantes de Formación Profesional para fomentar o espírito emprendedor e que no futuro poidan desenvolver os seus propios produtos, servizos e descubran oportunidades de negocio. Nos proxectos aléntase o traballo en equipo e o desenvolvemento do talento creativo.

    Os estudantes desenvolveron proxectos que se plasmaron en formato web. Pódense coñecer os detalles dos proxectos gañadores en:
    http://www.lacadenadelainnovacion.com/content/resultados.

    Fonte e máis información: FECYT

Pe de paxina