26/03/12 - Trátase dunha iniciativa mundial promovida pola asociación ecoloxista WWF

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

A USC adhírese á "Hora do Planeta 2012"

  • [ Conmemoracións 2015 ]
  •  
  • A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Oficina de Desenvolvemento Sostible, adheriuse á Hora do Planeta 2012, unha iniciativa mundial promovida pola organización ecoloxista WWF que pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e mobilizar a cinco mil cidades para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático.
     
    A campaña responde ao compromiso da USC coa redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, recollido no seu Plan de Desenvolvemento Sostible. Realizar un consumo enerxético máis racional, un bo mantemento das instalacións enerxéticas e substituír o consumo de enerxía procedente de fontes non renovables por renovables son algunhas das maneiras de contribuír a esta redución de gases de efecto invernadoiro.
               
    As actividades asociadas Á Hora do Planeta pretenden involucrar tanto a organizacións como a persoas individuais. A acción máis simbólica será a que se desenvolva o sábado 31 de marzo, de 20:30 a 21:30, baixo o lema ‘Apaga a luz, acende o Planeta’, unha hora solidaria e comprometida de “ escuridade”.
     
    Contaminación lumínica
    Por outra banda, a Oficina de Desenvolvemento Sostible organiza este luns 26 en colaboración co grupo en transición Calidade do Ceo unha xornada sobre contaminación lumínica. Nela participarán, entre outros, o profesor da Facultade de Óptica e Optometría da USC Salvador Xurxo Bará e o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e membro do CSIC, Serafín González Prieto, que achegarán aos asistentes os problemas asociados a unha incorrecta iluminación dende diferentes puntos de vista. Esta xornada terá lugar de 18.00 a 20.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito.

    Fonte: Xornal da USC
Pe de paxina